As bibliotecas do noso concello participan xunto con outras bibliotecas municipais no que se deu en chamar: #BiblioVeranEnGalicia, un xeito en que cada biblioteca da a coñecer os elementos culturais ou lugares máis interesantes do concello ao que pertence, e tamén os libros e a literatura de cada lugar. Esta é a aportación das bibliotecas municipais de Redondela:
----
Hoxe no #BiblioVeranEnGalicia movémonos ata a comarca de Vigo para adentrarnos no concello de Redondela. Dende alí faremos un percorrido polos seus lugares máis emblemáticos da man das súas bibliotecas de Redondela e Chapela.
----
Hoxe no #BiblioVeranEnGalicia movémonos ata a comarca de Vigo para adentrarnos no concello de Redondela. Dende alí faremos un percorrido polos seus lugares máis emblemáticos da man das súas bibliotecas de Redondela e Chapela.
Coñecida como a Vila dos Viadutos, Redondela debe este alcume ás
dúas grandes pasarelas que atravesan o seu centro, toda unha proeza
técnica no momento da súa construción coa que mudou para sempre o perfil
da vila, e que os converteu nun dos seus símbolos máis representativos.
Os viadutos dan nome na actualidade a un premio literario que se falla
no noso concello.
Redondela é recoñecida tamén polo seu
patrimonio inmaterial, xa que é a vila galega que conserva con máis
raigame a figura da Coca, vencellada á súa festividade máis senlleira.
O municipio sitúase na Enseada de San Simón, na parte máis interna da
Ría de Vigo. A dita enseada comeza no estreito de Rande, onde está
situada a súa famosa ponte atirantada, recoñecida como unha das
infraestruturas máis relevantes do mundo. Este recuncho do mar é célebre
por ser o escenario da famosa Batalla de Rande, e o lugar onde están
afundidos os famosos galeóns cheos de tesouros, tras sufriren os ataques
da escuadra anglo-holandesa durante a guerra de Secesión.
Os
tesouros de Rande forman parte das lendas do territorio. O propio
Capitán Nemo achegouse ás augas redondelás para coñecelos nun dos
pasaxes do mítico “20.000 leguas baixo dos mares”. Hoxe podemos afondar
neles visitando o Meirande, o museo situado nesta enseada, centro de
interpretación da batalla e tamén da industria e a paisaxe desta
contorna.
Pero o espazo máis singular deste recuncho da ría é sen
dúbida a illa de San Simón, historia viva da nosa terra, símbolo da
literatura galego-portuguesa, pero tamén testemuño de moitos feitos
históricos ao longo dos seus diferentes períodos (cenobio, lazareto,
cárcere franquista, orfanato), é un lugar que paga a pena visitar.
Voltando á terra, Redondela tamén é un punto destacado do Camiño de
Santiago, pois é unha das paradas máis importantes da ruta portuguesa.
Albergues e espazos para os peregrinos sitúanse nas súas rúas, entre os
que destaca a Casa da Torre, edificación do século XVI que ademais
acolle no seu interior unha das coleccións máis importantes de cerámica
de Sargadelos.
Redondela é tamén Prehistoria. O Monte Penide,
alén de ser un miradoiro excepcional da ría, abrangue no seu territorio
un número importante de mámoas e petróglifos, pertencentes a épocas que
van dende o Neolítico ata o Bronce Inicial.
Pero Redondela é
moito máis: pazos e igrexas barrocas, cemiterios singulares, muíños,
castros, fervenzas, praias, miradoiros excepcionais, roteiros pola
natureza e tamén restos do noso patrimonio industrial son algúns dos
moitos elementos singulares polos que paga a pena facernos unha visita.
Redondela é tamén literatura: desde as cantigas de Mendiño coa illa de
San Simón como escenario excepcional, pasando pola visita de Jules Verne
á enseada, a súa paisaxe é protagonista envolvente de moitas obras
literarias.
#BiblioVeranEnGalicia #bibliotecasmunicipais
No hay comentarios:
Publicar un comentario