miércoles, 30 de septiembre de 2009

Por mares de tinta e cantos de serea

Os nosos compañeiros Loli e Jero participaron o sábado 26 na Xornada literaria organizada polo Club de Lectura"GALIX. Tendendo Redes".

A xornada comezou cun percorrido polas animadas rúas de Baiona, que celebraba a festividade de San Cosme e San Damián. O paseo foi liderado por Carlos Sastre, presidente da Asociación de Amigos do Románico, quen revisou o orixinal cruceiro que posúe a vila mariñeira para, posteriormente, efectuar unha visita á ex-Colexiata.









Unha vez concluída a primeira parte do programa, chegou o prato forte do día: o embarque na goleta, de 24 metros de eslora e dous paus, "Nauja", co que se iniciou unha singradura na que Xosé Lois Vilar, do Instituto de Estudos Miñoranos, ofreceu unha fascinante análise sobre a riqueza da topoloxía da zona e o grave risco que corre o patrimonio inmaterial lingüístico talasonómico.










Seguiu a charla, deliciosamente distendida, na que o premio nacional de literatura Xabier P. Docampo departiu, tomando como punto de partida do libro "As viaxes imaxinarias", sobre a xénese do texto literario e a evolución do proceso creativo e como a ilustración non limita a imaxinación do lector senón que lle axuda a ampliar horizontes. Para "ilustrar" este punto, Docampo relatou un conto descoñecido polo debuxanteXosé Cobas, quen, mentres o primeiro desenvolvía a súa charla, realizou unha interpretación artística da narración. Este bosquexo foi logosorteado entre os asistentes, e ...¡foi gañado pola nosa compañeira Loli!










Cobas tomou a palabra para explicar que na súa concepción da ilustración dun libro, o debuxante ha de achegar unha visión diferente da literalidade do relato. Ao artista non lle interesa reflectir as imaxes explícitas do libro, senón relatarcoa súa propia linguaxe escenarios suxeridos, para o que é necesario efectuar un proceso de decantación.

Despois da intensa mañá, os aguerridos mariñeiros ocasionais desembarcaron nas illas Cíes, onde os máis temerarios chegaron a bañarse.

Na viaxe de volta léronse algúns poemas de Cavafis e as reflexións dos participantes, e subliñouse a importancia da oralidade como elemento primixenio na construción de toda literatura.

Aínda que non teñamos internet...¡pódese navegar cos libros!





"Todas as viaxes son un regreso. Calquera viaxeiro retorna á casa desde o momento mesmo en que puxo o pé fóra dela. Hai que volver para contar, para facer da viaxe relato. Por iso os camiños que emprende o Viaxeiro son vieiros que conducen ao coñecemento e á aprehensión da beleza, que tantas veces hai que rescatar do medio da miseria e do mal. Viaxar é ir ao encontro do que nos emociona na súa contemplación e diante do que abandonamos todo desexo de posesión, porque o gozo está en recibírmolo de xeito gratuíto."
Libro das viaxes imaxinarias". Xabier P. Docampo


No hay comentarios: