viernes, 14 de mayo de 2010

Blog da Coordinadora ENDL Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, dependente da Concellaría de Normalización Lingüística, dirixida por Ánxeles Babarro, en colaboración coa Coordinadora de ENDL (equipos de normalización e dinamización lingüística) dos centros de ensino público de Redondela, presenta o vindeiro martes 18 de maio de 2010,ás 13:00 horas, o blog da Coordinadora ENDL Redondela, que inicia a súa andaina coa publicación dos traballos e unidades didácticas elaboradas polos centros redondeláns sobre Uxío Novoneyra, o poeta homenaxeado este ano na celebración dasLetras Galegas 2010. Este acto inclúese dentro da programación das LETRAS 2010.
Nos últimos anos fóronse publicando en papel as unidades didácticas elaboradas sobre o homenaxeado no día das Letras Galegas, pero neste ano o esforzo centrouse en levar as novas tecnoloxías á aula e divulgar os traballos realizados a través dun blog, no que todos os centros poden participar como colaboradores e achegar as súas creacións, divulgalas e pólas en valor. Deste xeito o alumnado redondelán poderá acceder á información a través dos soportes que ofrecen as TIC, utilizando o ordenador e a pizarra dixital na aula.
O obxectivo do blog é continuar mostrando o labor que os centros redondeláns desenvolven a prol da nosa lingua e, asemade, divulgar tamén todas aquelas iniciativas que redundan na normalización e dinamización da lingua galega no ámbito educativo e noutros sectores da sociedade.
E como explica na súa cabeceira:
Este é o blog da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino público de Redondela. Benvidos á nosa casa común, que tamén é o lar da nosa lingua.
O enderezo do mesmo é:
http://coordinadoraendlredondela.blogspot.com/

A presentación farase o martes 18 de maio de 2010, ás 13:00 horas, na Casa do Concello de Redondela.
Vía SNL

No hay comentarios: