lunes, 27 de septiembre de 2010

"Por donde sale el sol", no Club de Lectura de Chapela



Este luns xuntámonos no Club de Lectura para comentar a novela do mes: Por donde sale el sol, de Blanca García-Valdecasas, publicada no ano 1987 pola editorial independente Ciudadela.


A sesión foi moi discutida, xa que a novela se recibiu de xeito desigual, recibindo tanto louvanzas coma críticas por parte dos nosos participantes.

Valoramos na novela o xeito de empregar a linguaxe, chea de matices, a través de descricións tinxidas de cor, texturas e arrecendos, e dun riquísimo vocabulario. Valoramos tamén a capacidade da autora para contar historias pequenas, sen estridencias, a través dos aconteceres cotiáns dunha familia. Beleza baseada na sinxeleza da historia e tamén na harmonía que nos transmite. En opinión dalgunhas das participantes, a novela se nos achega coma un remanso de paz e calma que nos evade das preocupacións.

Mais, ao tempo que apreciamos eses aspectos, tamén tivemos en conta a pouca credibilidade da historia. A familia numerosa formada por un pai e sete fillos, cada un en diferentes idades e etapas da maduración, resúltanos crible que fora capaz de manterse tan indivisiblemente unida? A narración tráenos lembranzas doutras épocas: a complicidade dos irmáns, onde cada un deles diferencia a súa personalidade, mais todos manteñen un perfecto saber-estar, e carecen de sentido da rebeldía, lémbranos a certas novelas xuvenís, filmes ou series televisivas dos anos 50 e 60 do século XX. Tal vez niso a autora non é quen de situarse na súa época e no seu lugar ou, máis aló, esté a escribir dende unha intencionalidade moral e ideolóxica moi concreta que, en todo caso, non nos pasa desapercibida.

Por último, gustounos como mantén a dúbida sobre a realidade da presencia de Violeta, a muller do protagonista. Segue viva realmente?, son só imaxinacións da mente de Rogelio os seus encontros e as súas conversas? Doutra banda, o feito de que sexa Rogelio, a través das súas lembranzas, o que nos relate a historia, engade un grande acerto na verosimilitude da narración. As cousas foron tal e como el as conta ou se trata só da súa particular visión inxenua?

Ao rematar a sesión entregamos a todos os participantes o enigma relacionado con Agatha Christie que, dende as Bibliotecas de Redondela, fixemos especialmente para os clubs de lectura de adultos, no 120 aniversario do nacemento da autora.
Publicar un comentario