lunes, 27 de septiembre de 2010

"Por donde sale el sol", no Club de Lectura de Chapela



Este luns xuntámonos no Club de Lectura para comentar a novela do mes: Por donde sale el sol, de Blanca García-Valdecasas, publicada no ano 1987 pola editorial independente Ciudadela.


A sesión foi moi discutida, xa que a novela se recibiu de xeito desigual, recibindo tanto louvanzas coma críticas por parte dos nosos participantes.

Valoramos na novela o xeito de empregar a linguaxe, chea de matices, a través de descricións tinxidas de cor, texturas e arrecendos, e dun riquísimo vocabulario. Valoramos tamén a capacidade da autora para contar historias pequenas, sen estridencias, a través dos aconteceres cotiáns dunha familia. Beleza baseada na sinxeleza da historia e tamén na harmonía que nos transmite. En opinión dalgunhas das participantes, a novela se nos achega coma un remanso de paz e calma que nos evade das preocupacións.

Mais, ao tempo que apreciamos eses aspectos, tamén tivemos en conta a pouca credibilidade da historia. A familia numerosa formada por un pai e sete fillos, cada un en diferentes idades e etapas da maduración, resúltanos crible que fora capaz de manterse tan indivisiblemente unida? A narración tráenos lembranzas doutras épocas: a complicidade dos irmáns, onde cada un deles diferencia a súa personalidade, mais todos manteñen un perfecto saber-estar, e carecen de sentido da rebeldía, lémbranos a certas novelas xuvenís, filmes ou series televisivas dos anos 50 e 60 do século XX. Tal vez niso a autora non é quen de situarse na súa época e no seu lugar ou, máis aló, esté a escribir dende unha intencionalidade moral e ideolóxica moi concreta que, en todo caso, non nos pasa desapercibida.

Por último, gustounos como mantén a dúbida sobre a realidade da presencia de Violeta, a muller do protagonista. Segue viva realmente?, son só imaxinacións da mente de Rogelio os seus encontros e as súas conversas? Doutra banda, o feito de que sexa Rogelio, a través das súas lembranzas, o que nos relate a historia, engade un grande acerto na verosimilitude da narración. As cousas foron tal e como el as conta ou se trata só da súa particular visión inxenua?

Ao rematar a sesión entregamos a todos os participantes o enigma relacionado con Agatha Christie que, dende as Bibliotecas de Redondela, fixemos especialmente para os clubs de lectura de adultos, no 120 aniversario do nacemento da autora.

2 comentarios:

Alexia dijo...

Arranco os comentarios cun desexo de que isto continúe así, con catro participantes novas cada mes.
A novela está espelendidamente resumida no comentario e as nosas dúbidas e homenaxes á mesma, tamén.
Persoalmente, gústame ler cousas que non me convencen para decidirme a ler outras que si. Non hai outra maneira de educar o gusto.

Ánxeles (remitido) dijo...

Ánxeles remítenos este comentario:
Ás veces gústache un lilbro ,ou non che gusta dependendo do momento no que te atopes. Non sei explicar en que momento me atopo eu agora mesmo, só sei que me encantou "Por donde sale el sol". Está escrito moi sinxelamente, para que o entendamos todas. Tamén pode influir que eu o ano pasado estivese en Chile e recoñecese no libro lugares, zonas, rúas, ríos etc. etc. a que me sinta totalmente identificada co pobo Mapuche.
Pero para min o maís importante é a grande historia de amor que nel se trata. Moita fantasía creo eu que hai na narración. Paréceme imposíble crer que sexa tan fácil cambiar de ambiente, de país, de costumes, de vida con tanta facilidade. Tamén é casi increibel o comportamento tan adulto e responsábel da maioría dos fillos/as que se fan cargo con total normalidade da situación aceptando con naturalidade a un pai totalmente inútil.
O sentimento de unidade, de familia, de crer todos e todas no mesmo, de estar xuntos ante todas as adversidades pareceume precioso. Nesta sociedade que estamos a vivir creo que non sería posíbel.
Aínda que recoñezo que a fantasía de Rogelio, ao non querer afrontar a realidade de que Violeta está morta, non é un plantexamento adulto, creo que é unha grande historia de amor. Dun amor que sempre che sacou as castañas do lume, que sempre está ahí para todo, que sen el estás totalmente perdido.
É precioso ver que son os fillos e as fillas os máis adultos, os que conducen a situación. En reallidade é a vida mesma. Pensamos os pais e as nais que somos nós os que levamos as riendas da familia, EQUIVOCACIÓN, os nosos fillos e fillas son os que nos educan día a día e nos fan progresar.
Como podedes comprobar a min si que me gustou o llibro, estiven dous días sen ler para non rematalo.
Un saúdo a todas e a todos, espero participar na próxima cita.
Ánxeles.