martes, 1 de julio de 2014

Os clubs de lectura das bibliotecas visitan o Meirande

Este luns os compoñentes dos clubs de lectura de Redondela e de Chapela visitamos o Museo Meirande de Redondela. Do mesmo xeito que no pasado ano visitaramos o Museo do Mar de Galicia como despedida de curso, deste ano nos achegamos á proposta museística de Redondela, grazas á colaboración da Asociación Deportiva e Cultural de Rande e do Concello de Redondela, e cun éxito de convocatoria moi superior entre os nosos lectores.


A visita estivo conducida polo inestimable e interesantísimo Xurxo Constela, arqueólogo e museólogo, membro da empresa de xestión do patrimonio A Citania, a quen lle estamos moi agradecidos dende as bibliotecas. 

Xurxo nos achegou información moi interesante, non só sobre a famosa Batalla de Rande, o afundimento e a búsqueda incesante dos seus tesouros, senon tamén sobre a riqueza patrimonial da Enseada de Rande, e tamén sobre o proceso no que o movemento veciñal, encabezado pola Asociación que nos estaba a convidar, foi quen de poñer en valor esta riqueza e de impulsar a construción deste museo.

A visita contou con algún contratempo, que demos en resolver grazas á axuda dos membros da asociación, e mais da Policía Local, aos que tamén lles queremos dar as grazas pola súa axuda na intendencia da visita.

Nun primeiro momento se desenvolveu polo exterior do edificio, onde coñecimos a importancia do patrimonio industrial e natural da contorna de Rande.

A continuación, dentro do local da Asociación, Xurxo nos falou dos feitos históricos nos que tivo lugar a Batalla de Rande (A Guerra de Secesión), e dos avatares e entresixos políticos do momento, así como acerca do tráfico de materias preciosas dende Ultramar. Contemplando a enseada, pudemos evocar mentalmente como foi a entrada deses buques, e como os galeóns españois, apenas resgardados polo forte de Rande e mais de Cordeiro, foron atacados e afundidos nun breve e dramático lapso de tempo.
Por último, visitamos o Museo onde Xurxo nos achegou polas súas tres seccións: a zona adicada á navegación no século XVIII, a área adicada ás exploracións submariñas e, por último, ao espazo expositivo da Fábrica do Alemán e todo o patrimonio que se pudo rescatar desta antiga empresa conserveira.

Para os interesados en coñecer máis sobre a batalla de Rande, Xurxo nos achegou esta completísima bibliografía. Consultade nas nosas bibliotecas, porque parte deste libros forman parte dos nosos fondos.
Xurxo Constela, arqueólogo de A Citania
Juanjo e mais María, da Asociación Deportiva e Cultural de Rande
Ao rematar a actividade fixemos unha cea de despedida no local El Tesoro de Rande, moi preto do museo. Alí gozamos dunhas apetitosas tapas e dun fin de festa xenial para lle dar unha boa despedida a esta tempada no club.

 

O noso xenial coordinador do club, Jerónimo, recibiu un agasallo especial, iniciativa de David, pero coa participación de todos. Nel puxemos as nosas sinaturas para o recordo

Para ver máis fotos, consultade a reportaxe fotográfica da actividade que, como sempre, nos fixo Mercedes Méndez, a nosa compañeira do Club de lectura de Chapela.
Publicar un comentario