Este luns celebramos na Biblioteca de Chapela un contacontos para os maiores de Chapela.
Fátima Fernández se achegou á biblioteca para traer os seus Contos Susurrados. Neles cabe todo: historias tristes, historias románticas, historias de risa, historias tenras, e historias disparatadas... Todas elas baseadas na tradición oral, e nas lembranzas da vida da mariña lucense.
Moitos dos que se achegaron ao contacontos era a primeira vez que visitaban a biblioteca, atraidos por unha experiencia diferente. Para todos eles foi unha actividade que mereceu a pena, porque riron moito, reflexionaron, escoitaron historias fermosas e quedaron con gana de repetir.
Agradecemos á Unión Democrática de Pensionistas de Redondela, sen cuxa axuda esta proposta non tería éxito.
A experiencia foi un pracer, así que agardamos repetir noutra ocasión con este público tan agarimoso e agradecido.
Podedes ver aquí un pequeno vídeo da actividade, grabado por Vigovídeo. Agradecemos a Roberto e mais a Mercedes a reportaxe gráfica do contacontos.
A actividade tivo lugar grazas ao programa Ler conta moito, promovido pola Rede de Bibliotecas de Galicia (Xunta de Galicia).
No hay comentarios:
Publicar un comentario