sábado, 3 de enero de 2015

Remate do II Curso de Boas Maneiras e Protocolo para nenos

Os nenos do II Curso de Boas Maneiras e Protocolo finalizan o mesmo cunha visita guiada á Oficina de Correos de Redondela e a entrega de diplomas
O II Curso de Boas Maneiras e Protocolo, actividade programada pola Biblioteca Municipal e a Fundación Filomena Rivero Alonso para nenos de 7 a 9 anos, finalizou este venres cunha sesión dedicada á arte da correspondencia de puño e letra que se pechou cunha interesante visita á Oficina de Correos de Redondela onde Leonardo Cabaleiro Couñago, Director da Oficina, guiou aos nenos a través do proceso técnico que viven os envios postais dende a súa entrega nas devanditas dependencias ata chegar aos seus respectivos destinatarios. 
Tras rematar a visita, na que os nenos probaron a realizar pola súa propia man algúns dos procesos cotiáns nos departamentos postais, enviaron as felicitacións que anteriormente realizaran para as súas familias e recibiron uns recordos da entidade, dirixíronse de novo ás dependencias da biblioteca, onde recibiron de mans da directora os diplomas acreditativos da súa asistencia e aproveitamento.

Non queremos rematar esta entrada sen enviar un afectuoso agradecemento a Leonardo Cabaleiro polas súas atencións e o cariño derrochado na visita. Moitas grazas!

No hay comentarios: