jueves, 5 de febrero de 2015

"Arredor de Ana Frank", primeira actividade dos Amigos das Bibliotecas

A Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela, en colaboración coas mesmas e a Fundación Filomena Rivero Alonso, pon en marcha a súa primeira actividade que xira en torno á conmemoración do 70 aniversario da morte de Ana Frank que tivo lugar no mes de marzo de 1945 no campo de Bergen-Belsen, pouco antes de que éste fose liberado. 

 

 "Arredor de Ana Frank" é o slogan que define esta actividade, aberta a todos os públicos previa inscrición, ao ser prazas limitadas, e na cal se debaterá, logo da lectura do mesmo, sobre o diario escrito pola moza ao longo de dous anos de cativerio xunto a súa familia antes de ser arrestada. 

Para participar nesta iniciativa, que terá lugar o 6 de marzo na Casa da Cultura de Redondela (Praza Figueroa) ás 20:30 h., os interesados poderán apuntarse enviando un correo electrónico a amigosbibliotecasredondela@gmail.com. O único requisito é estar interesado en intercambiar pareceres sobre o título elixido.
O debate contará coa dirección do coordinador dos clubs de lectura das bibliotecas.

Transmitimos o agradecemento da asociación á Fundación Filomena Rivero Alonso polo préstamo de dez exemplares do diario, depositados na biblioteca municipal, para todos aqueles que desexen participar e non dispoñan do libro.
Publicar un comentario