jueves, 30 de julio de 2015

Despedimos a tempada na biblioteca de Chapela co Contacontos dos Mundos de Alicia

 
Na biblioteca de Chapela facemos un descanso polo mes de Agosto. Para festexalo, convidamos a nenos/as e adultos aos Contos dos Mundos de Alicia.


Aproveitando a efeméride do 150 aniversario da novela de Lewis Carroll, na biblioteca quixemos facerlle unha homenaxe

Contan que Alicia estaba deitada no prado, nunha tarde de verán, lendo un libro; pero como facía moita calor e ela estaba aburrida, comezaba a quedar durmida. Foi nese momento que a espertou un coello branco, pero non un coello branco calquera, senón un especial e extraño, pois estaba vestido con chaleque e cun grande reloxo, que non deixaba de consultar, pois parece que chegaba tarde a algures...
Foi así que Alicia decidiu seguir a este coello, e que indo tras del, meteuse nunha tobeira. Resultou que a tobeira era moi fonda, moi fonda. Alicia caeu por ela, e pareceulle que caía durante moito tempo no vacío. Cando chegou abaixo atopou un mundo máxico, fantasioso, onde as cousas eran diferentes e nada era o que parecía, e onde había un montón de personaxes e obxectos curiosos, capaces de sorprendela e marabillala.

E é así que este País das Marabillas se parece á biblioteca, porque nela atopamos tamén a fantasía, os soños, e un sinfín de historias fantásticas, divertidas ou absurdas; onde atopamos contos de coellos brancos, de gatos que sorrín, de sorrisos que voan, do tempo e dos reloxos, de eirugas, de soños, de disparates e de sorpresas.

E foron algúns destes contos os que a contadora, neste caso a nosa compañeira Mª José, da Biblioteca de Chapela, achegou aos rapaces:
  •  O coelliño branco 
  • A casa da risa 
  • Amelia quere un can
Se trata, todos eles, de contos que ten a biblioteca, e que algúns dos rapaces asistentes levaron emprestados ao rematar. Acompañaban a estes contos unha proposta lectora baseada no imaxinario e na iconografía do País das Marabillas, con libros axeitados ás idades do público asistente.

Entre os asistentes contamos cun grupo de cativos e cativas acompañados dos seus pais, mais tamén participaron connosco os rapaces e rapazas da ludoteca que o Multiusos de Chapela acolle este mes, dentro do programa de conciliación Verán con Simona.

Ao rematar, nenos e adultos elaboraron cadansúa chisteira de papel, e cadanseu sorriso de cores para transmitir e espallar a ledicia por fóra da biblioteca.

Agradecemos ás monitoras da ludoteca de verán a axuda prestada para esta actividade do final. Tamén a Roberto e mais a Mercedes, vellos amigos, a reportaxe fotográfica e de vídeo.

E aquí podedes ver un VÍDEO co contacontos:

No hay comentarios: