As Bibliotecas municipais de Redondela recibiron un
dos premios María Moliner -premios que outorga o Ministerio de Cultura entre os mellores
proxectos de animación lectora en municipios de menos de 50.000 habitantes de
toda España-. O galardón consiste nun lote de 150 libros, fundamentalmente de
literatura infantil e xuvenil.
Os proxectos premiados foron elixidos entre os 605
presentados á edición deste ano, dos cales, a Comisión de Valoración seleccionou
os mellores programas de promoción da lectura, cuxas bibliotecas recibirán en
forma de premio un lote de 150 títulos financiado por Ministerio de Educación,
Cultura e Deporte, que conta cun orzamento para esta compra de exemplares por
valor de 640.000 euros.
O proceso de selección levouse a cabo mediante a análise
dunha serie de criterios, puntuando cada un deles. Téñense en conta a claridade
e interese do proxecto para a animación lectora, a boa planificación e
viabilidade, así como a orixinalidade e a inmersión en novas tecnoloxías que
conteña a proposta.
“O libro ilustrado, imaxes que contan”,
unha actividade que aglutina distintas exposicións bibliográficas, de
caracter bimestral, ao longo de todo o 2016, no Múltiusos da Xunqueira, foi a
proposta presentada pola biblioteca municipal.
Con esta iniciativa tentábase promover o hábito da lectura
a través dos libros ilustrados, fomentar o sentido estético, incidir na
relevancia que lles corresponde aos ilustradores no mundo da arte e no libro como obxecto de beleza e de exposición.
Con estes escaparates bibliográficos pretendeuse, ademais,
gañar para a cultura uns espazos pequenos e, aparentemente, inservibles que, por
mor desta actividade, convertéronse en puntos culturalmente dinámicos.
“O libro ilustrado, imaxes que contan” comezou en
xaneiro de 2016 coa figura de Maurice Sendak e pecharase a mediados de xaneiro
de 2017 co artista británico Arthur Rackham.
Algunhas das exposicións complementáronse con contacontos, relacionados co artista do momento. Así, próximamente, a contadora de historias
Charo Pita, con Edward Gorey como inspiración, relatará historias sobrenaturais
e de misterio a un público composto por alumnos de primeiro de bacharelato e
membros de Aspavi (Asociación de pais de persoas con discapacidade
intelectual)
“O libro ilustrado, imaxes que contan” está
programado dentro dun convenio de colaboración da Fundación Filomena Rivero
Alonso co Concello de Redondela, dentro dunha actuación global co devandito
concello.
No hay comentarios:
Publicar un comentario