viernes, 21 de septiembre de 2018

Hoxe, as Bibliotecas Municipais de Redondela cumpren 50 anos

21 de setembro de 1968 inaugúrase a Biblioteca P.M. Valle-Inclán de Redondela nos baixos da casa consistorial.
22 de setembro de 1968,  abre as súas portas ao público
 Era alcalde, naqueles anos, D. Pedro Otero Rey.
Esta mañá realizouse na sala infantil da biblioteca redondelana a presentación dun tríptico conmemorativo e das actividades e actos cos que se celebrará e se está a celebrar a efeméride.   
Mergullando polos libros de rexistro daqueles anos atopámonos con que a finais de 1968 eran 325 os socios da biblioteca e 1626 os libros rexistrados. Hoxe en día, e xa dentro do catalogo colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, as bibliotecas de Redondela teñen 427.693 usuarios potenciais que poden acceder a un catálogo de 2.971.498 exemplares e 951.883 títulos aos que hai que engadir os dispoñibles na plataforma de préstamo de libros dixitais, Galicia Le.


Dentro dos mesmos destaca a proposta de poñer nome á biblioteca de Chapela, a lectura radiofónica de 20.000 leguas baixo dos mares en conmemoración da chegada literaria do Nautilus á enseada de San Simón, unha charla-coloquio e unha exposición contorna á figura de Jella Lepman, a campaña nas redes sociais #eubibliotecasredondela50 e, a final de ano, unha celebración na que se recoñecerá o apoio dalgunhas entidades ao labor das mesmas.



En ambas bibliotecas festexamos o día agasallando aos usuarios con filmes para levar para a casa. Durante toda a semana, os nosos usuarios poderán gozar deste agasallo.




Pero para agasallos, o que recibimos esta mañá por parte do Concello: o Arquivo Municipal de Redondela obsequiounos con este interesante álbum fotográfico das bibliotecas de Redondela, que podedes consultar aquí ou accedendo á súa páxina de Facebook. Un percorrido fotográfico por algúns momentos destes 50 anos das bibliotecas de Redondela. Un fondo que se vai ir enriquecendo paulatinamente. Moitas grazas!


Moitas grazas a Radio Redondela pola difusión de todas as nosas actividades.


  Tamén a Atlántico Diario e a Faro de Vigo por difundir esta nova.





No hay comentarios: