viernes, 28 de septiembre de 2018

"O Paroleiro" Os Contos de Pablísimo achéganse a Chapela no 50 aniversario das bibliotecas municipais


A biblioteca de Chapela ven de celebrar moitos contacontos nestes días de aniversario. Se a pasada semana recibimos a Fátima Fernández, cun espectáculo de narración destinado a persoas maiores, este xoves gozamos dunha nova contada destinada aos máis cativos, así como a público familiar. 

Por vez primeira recibimos no noso Concello ao magnífico narrador Os contos de Pablísimo, e a expectativa non defraudou. Pablísimo achegounos historias divertidas, sorprendentes e máxicas co seu contacontos "O Paroleiro".

Contos clásicos e novos como:
- Dona Carme

- Medio elefante
- O sultán e os ratos
- Os tres porquiños

Atraparon a nenos e grandes nun espectáculo que non perdeu intensidade e emoción en ningún momento. Un agasallo sonoro e visual que nos deixou moi bo sabor de boca neste comezo de outono. 
Contacontos "O Paroleiro", con Os contos de Pablísimo
Preme na imaxe para ver as fotografías

Agradecemos a Pablísimo a súa presenza e a felicitación que nos brindou ás bibliotecas de Redondela polo noso aniversario.


A actividade tivo lugar grazas ao programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.

martes, 25 de septiembre de 2018

Recibimos a unha técnica mozambicana nas nosas bibliotecas, a través do Fondo Galego de Cooperación

Visita á Biblioteca da técnica da Asociación de Municipios Mozambicanos
Preme na imaxe para ver fotografías

Aínda sumida no festexo do 50 aniversario, a biblioteca municipal de Redondela recibiu hoxe unha visita formativa grazas ao estreito vínculo que temos co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.



Antes de nada, facemos unha pequena introdución:

Ao longo deste mes o Fondo Galego está a desenvolver o seu programa Vacacións con Traballo en Galicia, a través do cal unha traballadora dos países parceiros do Fondo Galego no Sur se achega aos nosos municipios para coñecer o traballo en diferentes áreas técnicas, informarse dos proxectos que se están a realizar nos nosos concellos e intercambiar coñecementos técnicos cos respectivos traballadores.

A mozambicana Elsa Dimande, traballadora social da Asociación de Municipios Mozambicanos (ANAMM), é a participante deste ano en dito programa. Xunto coas aprendizaxes técnicas que tiña previsto reforzar na súa visita aos concellos galegos, entre os que destacan a igualdade de xénero, o traballo social con nenos ou o asociacionismo feminista, interesouse tamén polo traballo das bibliotecas. O seu interese ten que ver coa planificación da apertura dunha futura bibilioteca na sede da organización supramunicipal na que traballa.

Encontro a través de dúas experiencias que se irmandan...

Inmediatamente os técnicos do Fondo Galego pensaron na Biblioteca de Redondela como un lugar axeitado para esta aprendizaxe, xa que

1- O Concello de Redondela é un dos integrantes do Fondo Galego, levando actualmente a súa vicepresidencia, da man da concelleira Teresa París.

2- A nosa compañeira María José, auxiliar da Biblioteca de Chapela, tamén participou no programa Vacacións con Traballo, hai tres anos, no que se desprazou a un municipio de Cabo Verde para axudar na organización da súa biblioteca.


Así que hoxe, tiñamos visita...

Elsa Dimande interesouse polas labores fundamentais para a posta en marcha dunha biblioteca, a organización dos fondos, ou moitas cuestións técnicas bibliotecarias, sobre as que estableceu un diálogo cos nosos traballadores. O contacto futuro entre ela e compañeiros da biblioteca redondelana quedou fixado, de xeito que, no que podamos, tentaremos apoiar ese proxecto mozambicano a través do noso apoio e asesoramento remoto.

Elsa tamén coñeceu as actividades que estamos a realizar dentro da celebración do noso 50 aniversario, e desexounos moitos éxitos e parabéns por ter chegado a esta efeméride.

Dende aquí mandamos o noso apoio a Elsa Dimande e ao proxecto de biblioteca da Asociación de Municipios Mozambicanos. Agardamos novas nun futuro próximo sobre o mesmo.

Grazas Elsa Dimande e grazas a Carmen Novás, do Fondo Galego de Cooperación, pola vosa visita.



lunes, 24 de septiembre de 2018

Unha viaxe no tempo...

Non sei por onde comezar esta entrada, de tantas cousas...

 Na biblioteca estabamos moi ilusionados con esta actividade que se ía a desenvolver xustamente no día que facía 50 anos que se inuguraba a Biblioteca P. M. Valle-Inclán de Redondela.

Ilusionados polo que supoñía de homenaxe á mesma a través de todos os lugares onde se situou e ilusionados porque estaba dedicada aos máis novos; Queriamos que, ademais do aspecto instructivo, o pasasen xenial.


Aquí podedes acceder ás fotografías da "Ruta das Bibliotecas" (cun toque "vintage" que non sabemos de onde saíu... a cámara que ten vida propia):

Ruta das Bibliotecas
 Creo que se conseguiu, os nenos sempre levan consigo o seu espírito de curiosidade, diversión e alegría e Soledad Chayán, guía avezada, foi a "fada madriña" que soubo impregnar ao grupo do seu carisma e bo facer. 

Moito sorprenderon a todos as historias que agochaban estes edificios: os baixos da casa consistorial (no 1968, biblioteca, e agora un departamento do concello), o busto de Valle-Inclán, na Praza Figueroa e, orixinalmente, na biblioteca que leva o seu nome, a Casa da Cultura, antigo cárcere, sede da biblioteca nos 90 e, nestes tempos, entre outras cousas, emplazamento da Radio Municipal,...

Foi na Radio onde se viviu un dos momentos máis entrañables cando  Luís Gustavo Cuntín Docampo, ao frente do programa Tempo de Jazz, dedicou unhas palabras en directo, dentro do seu programa, aos rapaces que nese momento estaban a escoitalo. Moitas grazas a Lorena da Radio Municipal polo seu agarimoso acollemento.


A ruta continuou ata o antigo conservatorio, desde este ano Turismo Redondela; como sempre, hospitalarios e afables os compañeiros do servizo.

  A casa de Casto Sampredro, a Casa da Torre, a exposición de Sargadelos,....

 
E, para remate, o edificio que acolle á biblioteca central de Redondela (xa sabedes que somos dúas bibliotecas: a Valle-Inclán de Redondela e a biblioteca de Chapela á que lle estamos a buscar nome) na actualidade: o Múltiúsos da Xunqueira. 
Na sala infantil da biblioteca remataron esta viaxe polo tempo, ollando os antigos libros e materiais e recibindo...sorpresa!... unha bolsa do cincuentenario chea de agasallos.



Moitas grazas Xulia, Xoel, Carmela, Davinia, Blanca, Manuel, Marta, Sofía, María e Begoña por compartir connosco esta data tan especial

 Ata o centenario! (aínda que a que aquí escribe xa non o vexa)

viernes, 21 de septiembre de 2018

Hoxe, as Bibliotecas Municipais de Redondela cumpren 50 anos

21 de setembro de 1968 inaugúrase a Biblioteca P.M. Valle-Inclán de Redondela nos baixos da casa consistorial.
22 de setembro de 1968,  abre as súas portas ao público
 Era alcalde, naqueles anos, D. Pedro Otero Rey.
Esta mañá realizouse na sala infantil da biblioteca redondelana a presentación dun tríptico conmemorativo e das actividades e actos cos que se celebrará e se está a celebrar a efeméride.   
Mergullando polos libros de rexistro daqueles anos atopámonos con que a finais de 1968 eran 325 os socios da biblioteca e 1626 os libros rexistrados. Hoxe en día, e xa dentro do catalogo colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, as bibliotecas de Redondela teñen 427.693 usuarios potenciais que poden acceder a un catálogo de 2.971.498 exemplares e 951.883 títulos aos que hai que engadir os dispoñibles na plataforma de préstamo de libros dixitais, Galicia Le.


Dentro dos mesmos destaca a proposta de poñer nome á biblioteca de Chapela, a lectura radiofónica de 20.000 leguas baixo dos mares en conmemoración da chegada literaria do Nautilus á enseada de San Simón, unha charla-coloquio e unha exposición contorna á figura de Jella Lepman, a campaña nas redes sociais #eubibliotecasredondela50 e, a final de ano, unha celebración na que se recoñecerá o apoio dalgunhas entidades ao labor das mesmas.



En ambas bibliotecas festexamos o día agasallando aos usuarios con filmes para levar para a casa. Durante toda a semana, os nosos usuarios poderán gozar deste agasallo.




Pero para agasallos, o que recibimos esta mañá por parte do Concello: o Arquivo Municipal de Redondela obsequiounos con este interesante álbum fotográfico das bibliotecas de Redondela, que podedes consultar aquí ou accedendo á súa páxina de Facebook. Un percorrido fotográfico por algúns momentos destes 50 anos das bibliotecas de Redondela. Un fondo que se vai ir enriquecendo paulatinamente. Moitas grazas!


Moitas grazas a Radio Redondela pola difusión de todas as nosas actividades.


  Tamén a Atlántico Diario e a Faro de Vigo por difundir esta nova.





jueves, 20 de septiembre de 2018

"Os contos da nai da miña nai": narración de contos para adultos na Biblioteca de Chapela

Narración oral para maiores: "Os contos da nai da miña nai"
Preme na imaxe para poder ver as fotografías

Esta tarde a Biblioteca de Chapela preparouse para unha ocasión moi especial, xa que despois de moito tempo, pudemos gozar dun marabilloso contacontos para maiores.

Fátima Fernández foi a artista coa que contamos nesta ocasión, para achegar as historias da súa infancia e as lembranzas da nai da súa nai aos avós e avoas da nosa contorna.

Foi unha sesión moi emotiva por dous motivos:

En primeiro lugar, porque Fátima nos contou, xa ao principio da mesma, as súas razóns persoais para adicarlle esta sesión á súa nai, e pudemos coñecer por que foi moi especial e emocionante volver contar contos despois dalgún tempo de descanso. 

[Mil grazas, Fátima, por escoller a nosa biblioteca para a túa volta! Sentímonos moi honrados e moi emocionados por ter sido un lugar especial para tí 😊]

Pero tamén, e en segundo lugar, porque contamos con dous colectivos marabillosos que acudiron á nosa sesión como público:

- Un grupo de socios da Unión Democrática de Pensionistas de Redondela

- Un grupo de usuarios de Hermanos Misioneros de Teis

Ámbolos dous grupos, así como outras persoas asistentes, gozaron do espectáculo e arrouparon cos seus sorrisos, os seus aplausos e o seu entusiasmo á nosa contadora, enchendo a biblioteca da calidez especial das emocións e as lembranzas.

Grazas a todos por asistir e por facer desta unha tarde tan emocionante.

A actividade tivo lugar grazas ao programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.

lunes, 17 de septiembre de 2018

Reanudamos o horario de inverno

Estimados lectores/as, 
 Lembrámosvos que hoxe, luns 17 de setembro, as bibliotecas municipais de Redondela reanudan o seu horario de inverno.


viernes, 14 de septiembre de 2018

Contacontos para nenos na chegada do outono, na Biblioteca de Chapela


Hai que desperezarse do tempo de vacacións e de lecer e voltar a rutina! Pero con calmiña, eh?... Ímonos dar o mes de setembro para coller folgos. 

Que precisamos axuda? Non pasa nada... Para transmitirnos a enerxía extra que precisamos, a biblioteca de Chapela ofreceranos un magnífico contacontos infantil a finais deste mes, que nos reconectará coa ilusión e a maxia da nosa tradición oral.

O xoves 27 de setembro, ás 18:30 h., teremos ao magnífico contador Pablísimo co seu espectáculo O Paroleiro.
"O paroleiro é moi amigo de parolar... gosta de laretear, enredar, falar e de contar. Conta sucedidos, historias e sobre todo moitos contos que leve na súa memoria, nas súas maletas, nos seus petos e nos seus zapatos".
O espectáculo está pensado para cativos/as entre 3 e 10 anos. A entrada é libre ata encher o aforo.
Non volo perdades!

A actividade realízase grazas ao programa Ler conta moito, da Rede de Bibliotecas de Galicia.

jueves, 13 de septiembre de 2018

Lembrade!! Aínda podedes participar para poñerlle nome á Biblioteca de Chapela


Aínda estades a tempo! 

A Axencia de lectura de Chapela, que forma parte das nosas bibliotecas municipais, non ten un nome propio. Se ben a Biblioteca de Redondela está adicada a Valle-Inclán, non sucede así coa sede de Chapela. É por iso que desde o pasado mes de xuño lanzamos a proposta para que a veciñanza e os usuarios propoñan un nome propio para este centro bibliotecario.
 
O prazo remata o venres 28 de setembro para presentar propostas, e estas deben presentarse no rexistro municipal, por calquera persoa física ou xurídica.
 
LEMBRAMOS OS REQUISITOS DAS CANDIDATURAS:
1. O nome proposto estará ligado ao eido da literatura: escritor/a, editor/a, impresor/a...
2. O nome proposto deberá gardar unha relación directa coa cultura e lingua galegas.
3. Darase prioridade ao nome dunha muller co propósito de recoñecer e visibilizar o papel das mulleres no eido da literatura galega.
4. O nome proposto non deberá ter outro recoñecemento en espazos públicos de Redondela (rúas, prazas, edificios públicos, monumentos...) no intre de presentar a candidatura.
Aquelas propostas que non argumenten a súa candidatura quedarán fóra do proceso.
 
- Descargar as BASES DA CONVOCATORIA.
- Descargar o MODELO DE INSTANCIA.

martes, 11 de septiembre de 2018

Despedimos o verán na biblioteca de Chapela con narración oral para adultos


Para despedir o verán e achegarnos á nova etapa de rutinas e actividades que nos agarda, nada mellor que entrar con bo pé. Ainda que estamos acostumados a que os contos son para os cativos, descubriremos que os contos son en realidade para moitas idades, e para quen se dispoña a escoitalos e gozar deles: rindo, chorando, lembrando, compartindo....

O xoves 20 de setembro, ás 19:00 h., teremos na Biblioteca de Chapela á magnífica contadora Fátima Fernández, que nos achegará con "Os contos da nai da miña nai" as máis chamativas historias da nosa vizosa tradición oral.

Os contos da nai da miña nai.
"Hai avoas de moitas alturas, tamaños, pesos e cores. Por iso é fácil diferencialas, pero á miña avoa materna, á nai da miña nai non había xeito de confundila; pasábase todo o día en silencio, sentada na súa butaca, cosendo, pero cando chegaba a noite, trala cea, deixaba ao carón a súa costura e collíame no seu colo mentres a miña nai recollía a mesa. 
Os seus brazos e a súa voz envolvíanme con historias que me facían viaxar por estraños países, con animais falangueiros e aventuras misteriosas; sempre pensei que os contos cos que me facía soñar,a ela contáronllos os fíos cos que tecía as súas teas, e a eles as avoas que facían as madexas e a elas...".
A actividade realízase grazas ao programa Ler conta moito, da Rede de Bibliotecas de Galicia.

lunes, 10 de septiembre de 2018

"Zentangleando"

O pasado venres, 7 de setembro, unha ampla representación dos clubs de lectura de Redondela deron inicio a un novo curso coa actividade do programa Ler conta moito da Xunta de Galicia, Caderno de Lectura con Zentangle


O zentangle é un método de debuxo baseado nas formas abstractas, suaves, orgánicas, elegantes e estruturadas. 
Con esta técnica podes crear debuxos moi agradables e elegantes, realmente bonitos sen necesidade de saber debuxar. Ademáis,  permíteche desenvolver a túa creatividade, xa que non existe unha técnica concreta e podes facelo á túa maneira, debuxando formas abstractas que vas enchendo con outras máis pequenas, normalmente repetitivas. O normal é facelo en branco e negro, é dicir, cun bolígrafo ou rotulador negro sobre papel branco (normalmente rectangular). É tan relaxante que adoita considerarse terapéutico.
Clubs de Lectura 2018-obradoiro " Caderno de lectura con Zentangle"
 Teño que recoñecer que ao principio, a que aquí escribe, era un pouco escéptica (perdóame Elisabet) sobre a posibilidade de que se alcanzasen os obxectivos que Zentangle propón.

 Un pensamento totalmente equivocado, como ben puidemos comprobar todos os que participamos no taller. Non importa como se debuxe (horriblemente mal pola miña banda), o resultado é precioso e, utilizando unas mesmas formas, o resultado é absolutamente persoal e diferente no traballo de cada persoa.

 
Moitas grazas a Carmen por este marabilloso biscoito caseiro que nos trouxo á actividade (o que nos custou esperar ao final para comérnolo pois non podiamos manchar as mans)

Ademais durante o proceso de creación prodúcense unha profunda concentración no que se está elaborando o que leva a un gran descanso mental.

 Agradecemos desde aquí a Elisabet Hillerud, unha das cinco tituladas oficiais de Zentangle en España (a única en Galicia) e ao programa Ler conta Moito, o descubrirnos esta técnica.

 A satisfacción ao final da actividade foi absoluta por parte de todos os que participamos nela.

viernes, 7 de septiembre de 2018

Visita guiada para nenos por 50 anos das Bibliotecas de Redondela

O próximo 21 de setembro cúmprense 50 anos da inauguración da Biblioteca P. M. Valle-Inclán nos baixos da Casa Consistorial.

Para conmemorar a efeméride as bibliotecas organizamos, este 21 de setembro,  unha visita guiada por Redondela para nenos de 6 a 12 anos, con especial fincapé nos edificios que acolleron á Biblioteca P.M. Valle-Inclán desde o ano 1968 ata os nosos días.

O percorrido estará conducido por Soledad Chayán e terá unha duración aproximada dunha hora. 
 A actividade é gratuíta pero necesita inscrición previa na Biblioteca Municipal de Redondela (986 40 15 61) pois as prazas son limitadas.

 A Ruta das Bibliotecas encádrase dentro das actividades conmemorativas do 50 aniversario das Bibliotecas Municipais de Redondela

lunes, 3 de septiembre de 2018

Lectura radiofónica de 'Vinte mil leguas baixo dos mares'

Lectura radiofónica de 'Vinte mil leguas baixo dos mares' para conmemorar a “chegada” do Nautilus á Enseada de San Simón

 Co gallo da conmemoración do 150 aniversario da “chegada” do Nautilus á Enseada de San Simón, as Bibliotecas de Redondela e a Radio Municipal organizan unha lectura radiofónica da obra de Jules Verne 'Vinte mil leguas baixo dos mares" á que convidan a participar a toda a cidadanía. As persoas interesadas deberán achegarse as instalacións da emisora para proceder a gravación dun fragmento da obra. Unha lectura pública a través das ondas que busca homenaxear unha das obras fundamentais da literatura de aventuras.
A iniciativa, enmarcada dentro do programa de actividades que as Bibliotecas Municipais están a desenvolver co gallo do seu 50 aniversario, busca dar a coñecer a obra de Jules Verne, nun ano que acolle varias celebracións vernianas, centrándose nun dos seus textos máis vinculados coa nosa vila. De feito, un dos capítulos de referencia deste "Vinte mil leguas baixo dos mares" recolle a viaxe que traería ao famoso submarino Nautilus a mando do capitán Nemo ata a enseada de San Simón para proverse cos tesouros afundidos na  batalla de Rande.

Deste xeito, ademais do seu formato tradicional impreso, quérese achegar a historia tamén a través das ondas radiofónicas, cunha colaboración que permitirá a todo o que o desexe gravar un fragmento do libro. O único que hai que facer é achegarse á emisora (Casa da Cultura-Praza Figueroa s/n) a partir do martes, 4 de setembro, para proceder a gravación dun fragmento da obra,  que estará dispoñible nas dependencias da Radio. Aconséllase chamar previamente ao teléfono 986/408139 (Radio Redondela) para determinar o horario máis axeitado.
 Ademais de render homenaxe ao escritor e festexar a  "visita" do submarino ao noso concello, as BIbliotecas e a a Radio Municipal buscan poder bater un récord logrando recoller a lectura radiofónica máis longa feita dunha obra destas características.
 

Outro xeito de achegármonos a unha aventura de referencia de xeracións e xeracións na que o escritor francés amosa a súa maestría na ciencia ficción cunha historia na que tres personaxes, embarcados na procura dunha balea xigante, atópanse na auga a lombos dun monstro que resulta ser unha estraña máquina submarina, o Nautilus. Prisioneiros do misterioso capitán Nemo, a enseada de San Simón “recibíu a súa visita”  hai 150 anos, alá polo 1868. 

A nova en Radio Redondela  

domingo, 2 de septiembre de 2018

Os clubs de lectura das bibliotecas municipais inician unha nova tempada con diversas actividades

Os clubs de lectura das Bibliotecas Municipais de Redondela estrean a próxima semana un novo curso. A novidade e a verdadeira importancia está en que despois de tantos anos non só permanecen senón que os grupos de lectura crecen e progresan adecuadamente

Na actualidade hai 3: 2 de adultos e un infantil aos que hai que engadir o Club de Lectura Fácil, este último organizado pola Asociación Andaina Redondela coa colaboración das bibliotecas municipais.
O Club de Lectura Fácil está dirixido a persoas que presentan dificultades na compresión lectora e foi unha das novidades deste ano.
  
 
O 7 de setembro arrinca a nova tempada cunha actividade extraordinaria, o obradoiro " Caderno de lectura con Zentangle", unha actividade na que se utilizará o método zentangle para decorar un caderno de lectura. É unha técnica sinxela que consiste en trazar patróns repetitivos creando belas imaxes e fomentando a tranquilidade e a concentración, desenvolvendo a creatividade e a sensibilidade artística. A actividade encádrase dentro do programa de dinamización lectora Lercontamoito.

O 28 de setembro, o Club de Lectura Fácil levará a cabo a súa reunión mensual no Museo Meirande, unha reunión na que sobrevoará o espírito verniano pois terá como centro a obra "20.000 leguas baixo dos mares", nun ano en que se conmemora os 150 anos da "chegada" do Nautilus á Enseada de San Simón (Redondela).

As persoas interesadas en participar nos clubs de lectura (en calquera das modalidades), poden informarse nas Bibliotecas Municipais e, no caso do Club de Lectura Fácil, na Asociación Andaina Redondela.