
xa van 6 anos!
Tarta de gominolas que nos preparou a incombustible Leo.
Parécenos incrible, pero xa pasaron 6 anos da nosa apertura. Por iso hoxe, que tiñamos a sesión do club infantil de lectura, decidimos facer todos xuntos algo especial.

Na primeira parte da sesión falamos sobre o libro, que desta vez gustounos bastante a todos, sendo unha lectura que se pode recomendar para todas as idades:
Historia de una gaviota y del gato que le enseñó a volar, do gran autor chileno
Luis Sepúlveda. Ademáis de comentar as nosas impresións, como a tenrura que nos provocou a historia e tamén como nos moveu a sentirnos defensores do medio ambiente, fixemos xogos para descubrir o significado das palabras que fomos atopando no texto e que nos eran menos coñecidas.
..............................
Mais na segunda parte da nosa xuntanza, adicámonos, moi emocionados, a facer outra actividade coa que nos divertimos moito: confeccionamos un mural de homenaxe ao
6º aniversario da biblioteca de Chapela. Nese mural, ademáis de fermosas imaxes recortables, e debuxos que fomos improvisando, tamén incorporamos moitas citas literarias referidas aos libros e á lectura.
Os rapaces e rapazas do club de lectura preparan o mural.
Fixemos á biblioteca un agasallo moi pequeno de tamaño pero grande de significado: unha mini-libreta na que se fai todo un homenaxe ao libro. Xa sabemos a que destinala!: pedirémoslles a todos que nos escriban adicatorias e nos asinen as súas páxinas. Será un bonito recordo que a biblioteca conservará sempre con cariño.O mural estará próximamente nas paredes da biblioteca... é enorme!
Con esta actividade e máis coa
biblio-caravana que estamos a levar as
Bibliotecas de Redondela por todos os centros de educación primaria do concello, celebramos así o noso aniversario, pero tamén, como non, que estamos en Abril, o mes máis especial adicado ao Día do Libro.
Felicidades á biblioteca de Chapela e felicidades aos seus usuarios!